Friday 17 de May de 2024

A actuación de Drag Atlantis incorpórase á programación A Pobra con Orgullo


Neste 28 de xuño celébrase o Día do Orgullo e, un ano máis, o Concello da Pobra do Caramiñal impulsa actividades coas cales enxalzar e festexar esta data para, tal e como apuntan a concelleira da Igualdade en funcións, Charo Varela, e o seu homólogo da Mocidade, José Andrés Lojo, contribuír a visibiliza-la reivindicación do colectivo LGBTI+ e instar a promove-la tolerancia, a igualdade e a dignidade de tódalas persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Á programación xa anunciada incorpóraselle agora a actuación de Drag Atlantis, que, do mesmo xeito ca o resto de propostas, se desenvolverá no venres 30 para facilita-la asistencia das persoas interesadas coa praza Alcalde Segundo Durán como epicentro.

A festa Holi marcará o inicio da xornada ás 20.00 horas ao enche-la tarde de cor. Continúa aberto o prazo para se anotar, trámite que se debe formalizar na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfmawwxlzDV-Y7WdL-1hAq9TOZ5SzRRaeYtZjsBlIlOqBd_5g/viewform. Farase a entrega dunhas lentes e pigmentos en distintas tonalidades no propio día do evento, a partir das 19.45 horas. Anímase, ademais, a acudir con vestimenta branca para que as cores resulten máis vistosas.

Máis tarde, ás 21.30 horas, terá lugar o Drag Show Atlantis e a música virá da man de Mega Disco Chocolate, das 23.00 horas en diante.